Patrimonio Relixioso

Na parroquia do Buriz existen catro fundacións de capelas. A máis antiga a capela de San Nicolas e San Lorenzo xunto á pista que vai da aldea do Sandiño a Corbite de Arriba, moi preto do Sandiño. A lápida de fundación incrustada na parede interior do edificio é de 1693. A fundación doutra capela dedicada á Virxe do Carme data de 1763 e está pegada á Igrexa parroquial por onde se acede a ela. Unha terceira capela foi fundada en 1875 na aldea de Xestoselo do Buriz baixo a advocación de La Purísima Concepción e N.S. De Lourdes; ambos os dous títulos recórdannos que en 1854 se declarou o dogma da Inmaculada Concepción e porteriormente aconteceron as aparicións de Lourdes. E unha cuarta capela encóntrase na aldea de Corbite de Abaixo fundada en 1953 e dedicada a N.S de Fátima, a Santa Mª Goretti e a San Adrian. Na fundación destas capelas interviñeron diversos sacerdotes da parroquia e, nos dous primeiros casos, tamén hai referencias a persoas laicas.

Na parroquia do Buriz existen varios Cruceiros, xeralmente ubidados en cruces de camiños. Os máis antigos son sen dúbida ningunha o Calvario e Viacrucis que están nos adros da Igrexa parroquial, posiblemente proveñen dos séculos XIII ou XIX. Logo encontramos o Cruceiro de San Nicolás xunto á capela do mesmo nome, e posiblemente da mesma data que a capela, de 1693. Segue en antigüidade o Cruceiro de As Penas de 1818, que está situado nun cruzamento de camiños na aldea do mesmo nome. O Cruceiro de Riotorto de 1872, de moi boa labra, está situado no cruzamento de camiños para varias aldeas do Buriz e de Labrada. O Cruceiro de Xestoselo de 1875 que se encontra no cruzamento de camiños que van dende Xestoselo á aldea de Rebordelo e da Silvela, aldea lindante de Cazás. E existe tamén un Cruceiro na aldea de Vilasilvestre, xunto ao camiño e fronteira, que divide as parroquias do Buriz e Belesar. Todos eses cruceiros están situados en cruzamentos de camiños e algúns deles teñen a súa pequena historia de feitos lutuosos alí acontecidos.