Aínda que de xeito lento e ás veces dubitativo, a arquitectura popular das casas (vivendas que abeiraban persoas e animais) sufriu unha considerable evolución. Dende o Catastro do Marqués de la Ensenada en 1752 ata os primeiros lustros do século XX, temos numerosos exemplos dun tipo de casa familiar xeralmente de planta baixa en forma de L que tiña diante da única porta de entrada un alpende ou alpendre e ademais varios arrimos adicionais para animais domésticos. Un segundo momento da evolución do canon ou modelo da casa familiar sitúase entre 1910 a 1940, período en que hai máis medios económicos provenientes da emigración a América e vaise consolidando un modelo de casa ampla con planta baixa e primeira planta, con espazo separado nos baixos para cociña familiar e cortes de animais, con ventás dubitativas entre pequenas tradicionais e novas de maior tamaño, con poucos arrimos e máis edificios de servizos separados. E, rematada a guerra civil e un pequeno despegue económico dos últimos anos de 1940 e década de 1950, o modelo da casa familiar "ás catro augas" chega á súa madureza: un patio central de lado a lado divide definitivamente a cociña das cortes, as ventás son grandes, as solainas substitúense por longas balconadas, constrúese con granito e cachotería e o teito segue sendo de lousa, pero de mellor calidade. As fotos que reproducimos son de casas desa época e agora xa rehabilitadas nos últimos anos do pasado século e o amencer do actual.
A partir de 1960 comezouse a utilizar o cemento e o ladrillo como materiais de construción, ás veces de mala calidade, e comezouse a construír grandes cortes separadas da vivenda familiar. E os tipos de vivendas multiplicáronse, con maior ou menor acerto, copiando modelos de chalés urbanos ou de países onde moitos estiveron como emigrantes.
Os hórreos son unha construción feita de modo específico para gardar, ventilar e madurar as espigas do millo. Coa chegada dende América e xeneralización do millo como materia prima para alimentación de persoas e animais domésticos, comezáronse a construír os hórreos; primeiro de forma humilde con varas de carballo e vimbio, e logo de cantería, con barrotes de madeira e numerosos remates conforme á imaxinación do propietario ou dos canteiros que os contruyeron.