Na parroquia do Buriz (Guitiriz - Lugo) os restos arqueolóxicos de distintas épocas son bastante numerosos, sendo os máis abundantes as "modias ou mámoas", as veigas que foron lagoas de palafitas lacustres, os petroglifos, os castros e as aras ou lares das diversas épocas da ocupación romana.
Como pode constatarse nos recortes de prensa reproducidos nesta mesma Web, as primeiras escavacións foron feitas a finais da década de 1960 cos traballos de investigación arqueolóxica realizados no "Monte do Pilreo" preto da aldea das Mezoiras. Nesa mesma data estudáronse, e oficialmente déronse a coñecer, os petroglifos das Calzadas e da "Pena Bicuda" situados na mesma zona dasMezoiras. Posteriormente o arqueólogo guitiricense Manuel Anxo López-Felpeto estudou a fondo os diversos grafitos da "Pena Bicuda", onde hai un conxunto de penas próximas con diversas figuras.
Transcorreron xa bastantes anos sen escavacións, que deberían reiniciarse paulatinamente. Especial importancia tería a escavación do "Castro do Forno" que, afortunadamente, se conserva tapado pero en moi bo estado cos seus tres fosos que o rodean. Quizais sexa o castro mellor conservado de toda a zona. Outros traballos menores de escavacións de modias e de veigas pantanosas daríannos moitos datos sobre a prehistoria do Buriz.