Ver e mirar a parroquia de O Buriz
Na nosa vida podemos “ver” moitas cousas, pero tal forma de ver non fai que o visto nos chegue dentro de nós e poidamos dar conta deses obxectos como formando parte do noso mundo persoal. A historia local é unha ferramenta que nos axuda a saber máis sobre os nosos pobos e o espazo cotiá “mirando” acerca da vida real das xentes, sobre as nosas condutas e inquedanzas, sobre as nosas orixes e as nosas metas; en definitiva, sobre do mundo no que nos tocou vivir. É, por así dicilo, a sabia da nosa existencia persoal e colectiva, que nos permite saber de ónde vimos, e o que é máis importante: cara ónde vamos. Este é o marco dende o que queremos expoñer esta aproximación á nosa parroquia. Mirar cara a faciana fermosa da xente e das cousas, que son como matriz e horizonte onde somos chamados a vivir con amor e solidariedade cada intre deste anaco de historia, que compartimos cos que foron son e serán fillos deste fogar que é sempre a parroquia de cada un. Ven a ser unha micro historia, dende onde se pode entender a macro historia que, a día de hoxe, nos condiciona e ata pode facernos perder a nosa identidade, e o mais xenuíno do que temos sido.
Esta parroquia de San Pedro de O Buriz está situada ao Norte do Concello de Guitiriz formando un cuadrilátero de aproximadamente 6 x 5.5 KAS. Vindo a resultar uns 33 km2.