Na nosa vida podemos “ver” moitas cousas, pero tal forma de ver non fai que o visto nos chegue dentro de nós e poidamos dar conta deses obxectos como formando parte do noso mundo persoal. A historia local é unha ferramenta que nos axuda a saber máis sobre os nosos pobos e o espazo cotiá “mirando” acerca da vida real das xentes, sobre as nosas condutas e inquedanzas, sobre as nosas orixes e as nosas metas; en definitiva, sobre do mundo no que nos tocou vivir. É, por así dicilo, a sabia da nosa existencia persoal e colectiva, que nos permite saber de ónde vimos, e o que é máis importante: cara ónde vamos. Este é o marco dende o que queremos expoñer esta aproximación á nosa parroquia. Mirar cara a faciana fermosa da xente e das cousas, que son como matriz e horizonte onde somos chamados a vivir con amor e solidariedade cada intre deste anaco de historia, que compartimos cos que foron son e serán fillos deste fogar que é sempre a parroquia de cada un. Ven a ser unha micro historia, dende onde se pode entender a macro historia que, a día de hoxe, nos condiciona e ata pode facernos perder a nosa identidade, e o mais xenuíno do que temos sido.
Esta parroquia de San Pedro de O Buriz está situada ao Norte do Concello de Guitiriz formando un cuadrilátero de aproximadamente 6 x 5.5 KAS. Vindo a resultar uns 33 km2.
Está formada polas aldeas seguintes: A Abeleira, O Buriz, Bustelo, Campoverde, Carelo, Corvite de Arriba, Corvite de Abaixo, A Costeira, O Curralvello, A Fontecribo, O Forno, A Graña, O Grueiro, A Forxa, A Lagoa, As Mezoiras, A Mouteira, O Pedrazón, A Penagrande, As Penas, O Penediño, O Penedo, O Portelo, Rebordelo, A Revolta, Riotorto, Rosende, San Cibrao, O Sandiño, O Vilariño, A Ventisca, Xestoselo e Xiá.
Poñer nome ás cousas é unha das facultades mais fermosas da persoa humana. Os nosos antepasados puxeron nomes aos espacios que habitaban. Algúns nomes dos barrios son evidentes no que significa a palabra para designalos. Outros teñen un fermoso significado, así:
- Abeleira: lugar de avellanos.
- Bustelo: diminutivo celta, que significa pastizalpara o gando.
- Carelo: lugar de pedras, trátase dun diminutivo prerromano.
- Corvite: xenitivo de posesor latino, Vila Corviti, derivado de corvus ´corvo`. Así figura en varios documentos de Monfero e probablemente na Divisio Theodomiri, do ano 569.
- A Graña: é unha variante fonética do galego granxa.
- O Grueiro: lugar de grullas.
- As Mezoiras: significa fonte redonda.
- A Mouteira: significa ´marco`, no sentido de pedra que se pon nas lombas que serven de lindeiro ás herdades.
- O Portelo: diminutivo de porto, como portela, as mais das veces ten o sentido de ‘paso’.
- Rebordelo: lugar de robles, carballos
- Rosende: Vila de Rosendo.
- San Cibrao: S. Cipriano.
- O Sandiño: nome de posesor xermánico, lugar de Don. Sandino.
- Xestoselo: diminutivo de Xestoso, abundante en xestas.
- Xiá: vila de Xulián ou Xuliana, nome de orixe xermánico.
A Parroquia está dividida en tres terzos: Terzo de Arriba, Terzo do Medio e Terzo da Abeleira. Hoxe en día pertence ao Concello de Guitiriz e dista del uns 11 quilómetros.
Este pode ser unha somera descrición actual da parroquia. Podemos ver esta parroquia dende lonxe e fixarnos non so no aspecto externo da súa xeografía. Ou podemos achegarnos a ela e mirar, con calma, cada un dos seus espazos, restos históricos ou persoas, de toda clase, cunha faciana persoal e intransferible. Lendas e institucións que fan que aquí a vida fose dun xeito e non de outro.
Unha primeira achega ós dicionarios do século XIX, aportan os datos principais das parroquias. Así o Diccionario Geográfico Universal dinos: “Buriz, san Pedro, freguesía da provincia de Betanzos, xurisdición de Monfero, bispado de Mondoñedo. Poboación 421 habitantes. Situada no límite da provincia de Lugo. Produce centeo, pastos e gando”.
Trátase dun val situado entre uns montes relativamente altos en relación coa maior parte de Galicia. Polo Oeste está o cordal de Montouto co Pico de Súa Torre que ten 674 metros de altura, polo leste está o Alto da Mouteira duns 600 metros de altura, os altos dos Regos, O Vilariño e a Costeira andan o redor de 550 metros, sendo a parte mais baixa as veigas do Forno con so 200 metros sobre o nivel do mar.
O famoso Diccionario de Pascual Madoz engade algúns datos interesantes sobre O Buriz: “O clima é frío, e as doenzas máis comúns son anxinas, dores de costado e febres intermitentes: conta unhas 66 casas - contando que aínda non se fixera a separación dalgúns barrios que hoxe pertencen a Labrada - distribuídas nos lugares e casaríos de: Abeleira, Bostelo, Buriz, Campoverde, Carelo, Corbite de Embaixo, Corbite de Arriba, Costeira, Estrimil, Fontecribo, Forno, Giá, Graña, Grueiro, Xestoselo, Lagoa, Mezoiras, Mouteira, Pedrazon, Penás, Portelo, Rosende, Sá, Sandiño, Teijoeiras, Vilariño e outros; hai boas augas no lugar da Fontecribo e no caserío das Teixoeiras. A Igrexa parroquial (San Pedro), é única e o seu curato, cuxo padroado exercía o extinguido mosteiro de Bernardos de Monfero, áchase considerado de entrada: o cemiterio é capaz e a súa situación non prexudica á saúde pública; hai tamén unha hermita (San Nicolás), entre os montes pelados dos lugares de Corbite, estendéndose por onde máis á ½ legua, confina por N. coa de Santa María de Labrada; ao E. San Martín de Belesar; polo S. Santa Cruz de Parga e por O. con San Vicente de Os Villares de Parga, interposto un regato que corre de norte a sur, sen nome propio. O terreo é montuoso e de ínfima calidade. O camiño que se dirixe desde Vilalba a Guitiriz, así como os demais camiños locais, atópanse en mal estado, e o correo recíbese na capital do partido polos interesados. Produce: centeo, patacas, avea e algúns outros froitos menores; cría gando vacún, cabalar, de porca, lanar e cabrío; hai caza de lebres e perdices e algunha pesca. A industria é á agrícola e muíños roulóns. Poboación: 63 veciños, 326 almas”.
O cadro que nos pinta Madoz a mediados do século XIX non é precisamente entusiasta: é unha parroquia pobre con un clima moi malo, terras de mala calidade e pouca variedade de plantacións con pouca producción. Sen dúbida que esta é a situación na que viviu a xente ata mediados do século XX.
En canto ao número de veciños esta parroquia mantívose sempre entre as 30 casas no século XVI e as 190 do século XVIII, para andar hoxe polas 110. Polo que respecta á poboación mantívose sempre entre os trescentos e pico habitantes dos séculos pasados e os oitocentos e pico da década dos cincuenta-sesenta no século XX, para baixar a día de hoxe arredor dos 400 habitantes.