Ruta 1: Saír do adro da igrexa de Buriz, seguir a estrada da Lagoa e Sandiño para ver algunhas casas tradicionais ben restauradas e ver, se se quere, algunha explotación gandeira moderna; seguir pola pista local cara a Capela de San Nicolás para ver o paisaxe co cruceiro e a capela; seguir a pista local cara Corbite de Abaixo e alí visitar a Capela de Fátima e casas tradicionais na aldea moi ben restauradas; seguir pola pista que vai a aldea do Forno para visitar o Castro do Forno, posiblemente o mellor conservado da comarca aínda que habería que limpar a maleza do centro e contrafortes dos fosos sen deteriorar os acebos e outras árbores especiais que alí naceron; de alí vólver a coller a estrada rumbo a Igrexa, con parada na paisaxe e muíño do pedrazón, e ó chegar de novo ó aparcadoiro xunto a Igrexa, visitar o Muíño da Fonte San Pedro, a Igrexa e o Cemiterio.
Ruta 2: Esta ruta sería máis ben de senderismo, por falta de pistas asfaltadas: sería partir da Ventisca, visitar o petroglifo das Calzadas, seguir cara a aldea de As Mezoiras para visitar os petroglifos da Pena Bicuda, subir pola pista cara a Costeira e baixar por outra pista cara o cruceiro de Riatorto; seguir pola pista para visitar as aldeas de Riotorto, Pedreira e Curralvello onde hai horreos e algunhas casas tradicionais ben restauradas e boas paisaxes; seguir pola pista cara o Muíño do Curralvello e, despois de ve-lo, subir cara o Vilariño desde onde se ve unha ampla paisaxe extraordinaria de Labrada; e retornar pola estrada LU-170 rumbo a Ventisca, visitando de paso o Curro do Castro (se é posible, pois hai que limpar os camiños), que é un castro natural moi grande.