Nos albores da nosa historia

Prehistoria

O territorio que ocupa hoxe en día a parroquia de San Pedro de O Buriz estivo poboado desde hai varios miles de anos. Así o proba o feito da existencia de varios petróglifos e mámoas ou modias. As mámoas son monumentos megalíticos funerarios e hai que situalos entre os catro mil e os dous mil anos antes de Xesucristo. Son túmulos de terra con forma de casquete esférico. Estes túmulos soen cubrir unha cámara poligonal feita con varias chantas verticais e unha horizontal. Nas cámaras das mámoas é onde depositaban os mortos con seus enxovais. Pese a protección oficial que tiveron foron profanados en moitas ocasións, pero en especial no século XIX, cando moitos saqueadores se dedicaban á busca de tesouros, que nalgúns casos atoparon en abundancia.

Pero, no Buriz, aínda temos sinales mais antigas de seren unhas terras poboadas. Os primeiros poboadores de O Buriz vivirían nas veigas do Batán, do Pedrazón e do Forno. De feito cerca do Forno existe un pozo de auga que chaman o Pozo da Trabe no que, segundo a tradición, se podía ver alí un gran tranco de madeira espetado no fondo do pozo.

Isto levaríanos o chamado período neolítico, ou sexa cando o home primitivo comezou a pulir a pedra, producíndose un gran avance na súa cultura rudimentaria; apareceron as cidades lacustres, das que aínda se atopan vestixios. Nestes sitios pantanosos, nas lagoas e os remansos dos ríos, as cabanas estaban construídas sobre un taboado sostido por postes de madeira, fincados baixo a auga, e unidas ás beiras por pasarelas levadizas, para non ser acometidos polas feras. Estas vivendas recibiron o nome de palafitos. A imaxinación popular di que nos días claros podíase “ver a través das augas limpas as cúpulas de edificios asolagados”. Por iso no Buriz dicía a tradición que nas veigas do Forno se vía o campanario dunha Igrexa, e, algunhas noites de verán víase unha rapaciña nova, vestida de branco que saía do fondo da auga para buscar que alguén lle desfixese o feitizo, no que estaba metida dende que a auga arrasara aquela fermosa cidade. Tamén se oían voces e aparecían obxectos deses tempos remotos.

Estas lendas, existentes en moitos lugares de Galicia, América e África, perpetúan a memoria de antigas poboacións lacustres, que teñen o seu testemuño nas cimentacións circulares, de bastante altura sobre as que se situarían os palafitos daquelas poboacións. Nelas atopáronse diversos materiais como puntas de frecha e outras ferramentas. Crese que existiron polo menos tres destas poboacións lacustres, distribuídas polas veigas que van do Forno á Cabeza dos Carballos e a Fonte dos Regos.

Varios autores galegos como M. Murguía, Bouza-Brey e Monteagudo, fálannos deste fenómeno que Murguía describe deste xeito: “Apenas se atopa lago ou lagoa importante en Galicia en que a tradición – e esta desde fai tres séculos, cando menos – non se refira a unha cidade sepultada nas profundidades das súas augas, e das cales, de antigo tamén, non se asegure que se ven trabes e demais restos”. As lendas de máis de 25 lugares de Galicia con “Vilas asolagadas”, ou “cidades dos mortos, coa súa secuencia de canto de galo e redobre de campás, ten a súa correspondencia en Francia, sobre todo en Bretaña, Irlanda e Alemaña” . Murguía (1866) estudou moitas das lendas lacustres galegas e remata considerando que: “sinálanse en Galicia tantas cidades de Valverde destruídas e cubertas polas augas, e que máis dunha se denomine de Lucerna, creémolo reminiscencia das romances de milagres que se compuxeron e cantaron á porta da igrexa de Santiago, romances cuxa extensión debeu de ser grande, polas circunstancias especiais da romaría. Os achados pertencentes ao ciclo carolinxio, e, polo tanto, supoñemos fundamentalmente que entre eles habería algún tomado daquela pasaxe da Vida de Carlo Magno, polo pseudo Turpín, no cal cóntase a destrución da cidade de Lucerna, no Valverde, rodeada de fortes muros, que lle permitiron resistir o poder de Carlos, só puido quedar inhabilitada e caracterizada grazas ao auxilio de Deus e do Apóstolo Santiago”. Dos ocos dalgunhas penas da nosa parroquia dise que son a pisada do pe de Roldán.

OS PETROGLIFOS

A arte rupestre é característica da Prehistoria galega, e consiste en gravados en rochas ao aire libre. Estes gravados denomínanse comunmente petróglifos ou insculturas. Esta arte caracterízase pola sobriedade dos debuxos, debida posiblemente tanto ás limitacións das rochas duras, como o gran, nas que foron insculpidas.

Os distintos tipos de motivos son fundamentalmente: zoomorfos, debuxos de animais, xeométricos curvos, círculos, espirais; debuxos de armas puñais, espadas; antropomorfos, figuras humanas; xeométricos angulares, rectángulos, cadrados; idoliformes, ídolos, etc.

A interpretación destas inscricións é sempre problemática, supoñéndose que as rochas gravadas eran utilizadas como lugares de culto nos que se celebrarían ritos ou cerimoniais.

Para a súa cronoloxía sinálanse datas dispares e sen demostrar, aínda que, como referencia, pódese dar a data de aparición como anterior ao 3000 a.C., sobre de todo para os gravados de figuras de animais.

Petróglifo do Agro das Calzadas

É unha masa granítica de 5 m de lonxitude máxima por 1,75 m de altura. A súa superficie sur aparece recuberta, en grande parte, polo gravado que a continuación se describe, e que consta de: Doce coviñas situadas no extremo dereito do conxunto.Dous pequenos circos, moi desgastados, na parte superior. Un núcleo inscultórico, o máis importante, na parte central e lateral esquerda. Consta en liñas xerais, dun cuadriculado central e irregular, moi desdibuxado nalgunhas partes pola erosión e enmarcado a ámbolos dous lados por dúas figuras formadas por tres liñas curvas concéntricas, sendo de maior tamaño a situada no seu extremo dereito, de 75 cm. de altura e 47 cm. de anchura máxima, mentres que a do seu extremo esquerdo mide só 25 cm. de altura por 20 cm. de ancho máximo. A figura de cruz, considerase un rasgo da cristianización deste antigo e posible lugar de culto.

Petróglifos da Pena da Cata

Trátase de dúas inscricións exentas. Atopado ao pé dun túmulo megalítico do monte do Pilreo, antes das escavacións do 1972.Trátase dunha pequena laxe de 36x30x10 cm. aproximadamente. Na súa superficie pódense distinguir un total de sete circos concéntricos, dos que só tres están completos, con cazoleta central e radio que os corta.

Outro foi atopado entre dos cachotes que obstruían o corredor do sepulcro contido nunha das mámoas escavadas no 1972. É unha peza de gran, de forma irregular que presenta, toscamente deseñado, un sinxelo motivo de dous circos concéntricos con ampla coviña central.

Petróglifos da Pena Bicuda

Localización: Na finca “Pena Bicuda”, 100 m ao oeste do núcleo de As Mezoiras.

Son varios os penedos que teñen insculturas. Situado no norte da finca, a pé do valado. Ten unha dimensións visibles de 1,50 m de alto e 4 m de largo. Atópase cuberto de coviñas de diferentes tamaños na súa parte superior. O outro esta situado na parte sur da finca. Consta de 8 penedos entre dos que 3 presentan coviñas de diferentes tamaños na parte superior.

Modias ou mámoas

Os sepulcros megalíticos, habitacións construídas con pedras grandes, son ben abondosos en Galicia, aínda que non acaden o tamaño de outras zonas europeas.

Cada conxunto deste tipo está formado por unha cámara sepulcral que recebe os nomes de anta, arca que está recuberta cunha morca de terra e coios coñecida cos nomes de mámoa, medorra, medoña ou modia.

A mámoa ten unha forma normalmente circular, aínda que tamén poder ser ovalada, podendo oscilar entre os 0,50 m e os 3,50 m de alto e os 10 e 30 m de diámetro. A anta está formada, de xeito xeral, por unha serie de chantas espetadas no chan cubertas por unha ou varias laxes planas e grandes, aínda que na forma hai diversas formas.

No tocante á cronoloxía deste cultura megalítica en Galicia non hai datacións absolutas, aínda que polas acadadas ate agora, poderíase especular co seu comezo arredor do 3000 a.C. e a súa decadencia sobre do 2000 a.C.

Na parroquia de O Buriz abundaron e aínda abundan moitas modias (mámoas), algunhas delas foron destruídas fai tempo. O maior número delas atopase no que era a zona oeste da parroquia entre Galiñeiro e San Vitorio, tal como aínda hoxe se pode ver a simple vista.

Os enxovais que se poden atopar nestes sepulcros adoitan ser pobres e arcaicos, xa que a meirande partos dos achados teñen función utilitaria agás uns poucos relacionados coa espiritualidade e adornos. Asociado a estes obxectos aparece, ás veces, un tipo de cerámica denominada “Campaniforme” polo seu parecido a unha “campá” virada.

Na parroquia de O Buriz abundaron e aínda abundan moitas modias (mámoas), algunhas delas foron destruídas fai tempo. O maior número delas atopase no que era a zona oeste da parroquia entre Galiñeiro e San Vitorio, tal como aínda hoxe se pode ver a simple vista.

a. Modia da Ventisca, destruída na década dos setenta, recuperouse un vaso campaniforme estudado por Xosé Manuel González Reboredo no ano 1970. A peza ten 80 milímetros de alto, 50 milímetros de largo na base e 95 milímetros na boca, non ten decoración, ten dous pequenos orificios circulares e atpose hoxe no museo do castelo de San Antón de A Coruña.

b.Modias da Pena da Cata no monte Pelreo

No mes de setembro de 1972 foron escavadas por un grupo de arqueólogos do Instituto Pai Sarmiento de Santiago de Compostela dirixidos por D. Fermín Bouza-Brey, xefe da Sección de Prehistoria de dito Instituto. Dun conxunto de varias modias escaváronse catro. Nalgunhas non se atopou restos de enxoval ningún. Noutra apareceu un conxunto cerámico composto por:

- Un vaso campaniforme con decoración punteada en zig-zag e liñas incisivas paralelas, duns 14,5 cm de altura e en perfecto estado de conservación.

- Unha cunca hemisférica con decoración xeométrica en zig-zag, liñas paralelas punteadas, duns 9 cm de altura e tamén en perfecto estado de conservación.

-Unha cunca tetralobulada, decorado na base con liñas perpendiculares en zig-zag e liñas punteadas con decoración simbólica no corpo, de 8,5 cm de alto. Está peor conservado que os anteriores. Apareceron anacos de cerámica, algúns con decoración campaniforme, un disco de lousa e outro de arxila.

A Gran Enciclopedia Galega valora deste xeito as excavacións: “Fruto de estas excavaciones fue el hallazgo megalítico cerámico más importante del magalítico gallego”.

Ó rematar estas excavacións o arqueólogo galego, Fermín Bouza Brey, que dirixira as excavacións, tal traballo inspiroulle o seguinte poema:

ADEUS

Teño pena das penas de O Buriz,
afincadas, estóicas,
na gándara asombrada
da metralla e das bombas.

Nin os toxos verdexan
nin as chorimas douran.
voan lonxe os paxaros
e se arredan as pombas…
Tan soio o lobo axexa
as pasadas das poldras.

Teño pena das penas de O Buriz,
isoladas, heroicas,
cos seus peitos furado
e cas entrañas rotas,
máis ergueitas e firmes
en pé por antre as modias
como facendo garda
a isas ideas outras
ás que non matan balas
e ás que non trepan botas.
¡Ouh, penas de O Buriz, tan arredadas,
sen outro amor que os ventos e que as choivas!

No meu espírito acollo
a vosa voce fonda
que me fala da Patria,
que inda que a coidan morta,
está atal vós, acoitelada e firme,
medrándose na loita,
chantada eternamente
na gándara da Historia-
¡Ao decirvos adeus,
levo en min vosa coita!

OS CASTROS

En toda Galicia e o noroeste peninsular o castro foi lugar de habitación tanto dos pobos indíxenas como da posterior chegada dos celtas, procedentes do norte de Europa, que se foron asentando e se fixeron vida cos nativos do país varios séculos antes da conquista da “Gallaecia” polos romanos. Establecíanse por clans ou tribos en outeiros ou lugares preeminentes que ofreceran boas condicións de habitabilidade, defensa e control das terras que explotaban nos arredores. Estaban dedicados, sobre todo, ao cultivo de cereais e legumes e á cría de gando doméstico: vacas, cochos, ovellas, cabras e cabalos nos que especialmente se mostraban moi destros.

As casas constrúense na coroa ou meseta; son de base circular ou ovalada, de pedra, con cubrición vexetal de palla, xestas ou ramas, unha entrada reducida a ras do pavimento e sen máis ocos para a ventilación co fin de protexerse do frío. Xunto á vivenda están as construcións auxiliares como celeiros, airas, recinto para animais domésticos e algún servizo común como muíños, praciñas etc. Utilizan o troco no comercio cos habitantes doutros asentamentos. Acoden a herbas e unturas diversas para remedio dos males. As pezas de ouro, torques, brazaletes etc., achados nalgúns castros, indican o grao de riqueza e desenrolo a que chegaron algunhas destas comunidades.

A relixiosidade era moi intensa, non tiñan templos nin xerarquías, celebraban os seus cultos nos bosques e nas encrucilladas e ofrecían sacrificios de animais. A cada divindade atribuíanlle unha protección especial, así os lares viais protexían os camiños e encrucilladas, Marscosus era o deus da guerra, e Bandua o protector da comunidade. Os animais, as augas, as fragas tiñan os seus deuses protectores. Así temos o caso da cidade de Lugo, que está asentada sobre un antigo bosque sagrado dedicado ao deus celta Lug, bosque que se consideraba como santuario nacional a onde concorrían anualmente os castros veciños, con anterioridade á conquista romana.

O lendario Breogán quedou na memoria histórica como o gran caudillo celta. E Samaín é o nome correspondente ao noso mes de defuntos no que, en moitos lugares de Galicia, teñen recuperada a antiga tradición das caveiras elaboradas coas cabazas e con luces no interior alumeando nos camiños e encrucilladas.

Os Castros, lugares de habitación e de refuxio, son recintos fortificados de forma circular ou ovalada e que posúen unha serie de sistemas defensivos. Atópanse emprazados, xeralmente, en lugares elevados (aínda que haxa algúns ao nivel do mar) e presentan unhas estruturas máis ou menos comúns tanto en sistemas defensivos como na distribución das vivendas que neles existían.

O sistema defensivo combina a muralla, constituída moitas veces por muros de cachotes, o terraplén, proporcionado pola altitude do emprazamento, e o foxo, que rodea o castro e que, moitas veces, tamén é natural.

As datacións para este tipo de conxuntos son amplas xa que hai algún castro datado arredor do ano 500 a.C. e algún que pervive despois da romanización, ata o século terceiro da nosa era, aínda que o seu apoxeo se rexistrase na Idade do Ferro. É habitual que fosen reutilizados cando a conquista romana.

Os castros de O Buriz

Na parroquia de O Buriz atópanse os seguintes castros:

Castro do Forno, situado o SE do núcleo de O Forno

Castro dá Abeleira, situado ao SO do núcleo da Abeleira.

Castro de Carelo, entre os coitíos do castro de baixo e o castro de arriba, localizado entre os núcleos de Carelo e o de As Mezoiras.

O castro mellor conservado é o do Forno e, sen dúbida era o principal. No caso do castro do Forno consérvanse aínda hoxe tres foxos. A romanización levou á poboación a saír deste castro e establecerse no val entre Sancibrao e a Abeleira. Por aquí pasaba a vía principal que se chamará logo o Camiño real. Sen dúbida aquí estivo a primeira comunidade cristiá que dará orixe á nosa parroquia.

Restos romanos

A presenza dos romanos nesta bisbarra de Parga é moi notable. Como non podía ser menos tamén nesta parroquia quedan algunhas pegadas do seu paso por aquí.

Ara votiva aos lares viais

Está no adro da igrexa parroquial, protexido cunha urna de metacrilato. A datación da mesma pode ser do século III d.C. Ten unhas dimensións de 55 cm. de alto por 25 cm. de ancho, na parte superior, e 21 na inferior. A transcrición comunmente aceptada sería a seguinte:

“LARE/BVSV/EALIB/VS.A.SP/S.E.V.P.”

Que desenrolada sería: “LAREBVS VEALIBVS A(ram) S(ua) P(ecunia) S(everus) E(x) V(oto) P(osuit)”. A versión sería pois: “Severo, co seu diñeiro, puxo a ara por voto aos Lares Viais”.

Tamén se podería ler deste xeito: LARE/BVS. V/EALIB/VS. A(ram). S(ua) P(ecunia) S(everius ou –ulpicious?). E(x). V(oto) P(osuit). “Aos Lares Viais, Severius (ou Sulpicius) puxo esta ara, co seu diñeiro, por un voto”.

Estela anepigrafa

Quizais o achado mais importante do adro da Igrexa de O Buriz é unha estela anepigráfica que hoxe está desaparecida. Existe unha reprodución fotográfica de non moi boa calidade na Geografía de la Provincia de Lugo de Amor Meilán

Quizais o achado mais importante do adro da Igrexa de O Buríz é unha estela anepigráfica que hoxe está desaparecida. Existe unha reproducción fotográfica de non moi boa calidade na Geografía de la Provincia de Lugo de Amor Meilán. Xa fora estudiada por Murguía a quen seguiu Amor Meilán, quen toma o debuxo daquel, é descrita por Mato Vizoso do seguinte xeito:

Por fortuna librouse de tan bárbara destrucción e foi reservada para servir de asento no adro da igrexa unha notável peza, tamén granítica, que no seu principal paramento está cuberta de adornos ou relevos: mide 2 m de longo por 0,80 m de ancho cun grosor desigual que non baixa de 0,50; e foi labrada por todos os seus lados, agás polo oposto á superficie adornada, no que mantén o bloco as súas imperfeccións naturais.

Dentro dunha faixa lisa ou marxe que serve de marco aos relevos que contén a devandita superficie, estos constan de catro divisións, cada unha de diferente altura por todo o ancho que deixa a faixa marxinal: a parte que chamaremos superior pola posición das figuras que se dirán, o mesmo que a división inferior están xalonadas nos seus extremos alto e vaixo con debuxos xeométricos, que consisten en pontas ou ancos cara as beiras da pedra e en semircircos polo lado inferior; no oco ou especie de entrepano da primeira división sovresai todo o espacio, e na máis inferior é completamente liso; das outras duas partes a máis baixa non contén debuxo nengún, pero a outra é a mais notável de todas, por presentar duas figuras humanas de perfil, espidas ao parecer, unha enfrente da outra e sostendo cada sua lanza que apoian no chan en actitude pacífica; e no meio destas figuras hai unha especie de ave coas ás entreabertas…”.

O mesmo Amor Meilán cita a Murguía quen di: “O baixo relevo parece representar a consagración dun campo militar e pertence, sen dúbida aos tempos do primeiro arte ibero-romano”.

Lápida funeraria visigótica

Esta Lápida funeraria está sen datar, foi achada nas reformas do cemiterio, levadas a cabo a finais do século pasado, e que actualmente está colocada sobre un pedestal, no atrio da igrexa parroquial, protexida cunha urna de metacrilato.

Máis información