A primeira igrexa de San Pedro de O Buríz foi levantada polos monxes de Monfero a finais do século XII ou comezos do século XIII. Era unha igrexa dunha sola nave, cunha pequena ábsida, un portada moi sinxela rematada dunha espada dun soa campá. O interior estaba adornado con pinturas, tal como pode verse hoxe no caso da igrexa de Labrada. Desta primitiva igrexa so se conserva un anaco de parede do lado norte da mesma.
A edificación actual ten a súa orixe no século no século XVIII, pero sufriu profundas transformacións ao longo do século XIX e sobre todo a mediados do século XX. Como foi normal nas igrexas románicas, que tiñan unha soa nave, no século XVIII engadíuselles unha parte mais alta na zona do presbiterio através dun arco de medio punto. Esta capela maior estaba cuberta a catro augas ata que na reforma dos anos sesenta.
O resto orixinal mellor conservado, que queda do mesmo século XVIII, é unha capela a lado esquerdo da igrexa á que se accede a través dun arco medio punto. Ao fondo dela hai un arcosolio de medio punto que trata de cubrir a imaxe de Nosa Señora do Carme, patroa da capela.
Na pilastra dereita lese esta inscrición:
ESTA CAPILLA LA IZO FELIPE/ DE ROSENDE I S. MGR. FELISI/
ANA D JOBE I RETABLO/I OMAJES A COSTA DE S/US E.
ESP. TRONO DE/ ILAIUS SCSE- ANO 1725 +.
Segundo unha tradición do pobo fixose para reparar unha imposible restitución dun tesouro encontrado, e que xa non era posible repartir.
A Cruz Parroquial
A Cruz parroquial é a mellor xoia que ten a parroquia de O Buríz, dende o punto de vista artístico. Tratase dunha magnífica peza de prata de estilo renacentista, que puido ser feita a remates do século XVI.
Algunhas veces pensouse que a cruz do Buríz fose traída do mosteiro de Monfero a raíz da Desamortización, pero temos constancia que a cruz de Monfero foi levada, polo cura de Santa María de Xestoso, para dita parroquia. Descartada esta posibilidade, non nos cabe dúbida que foron os monxes de Monfero os que fixeron esta gran cruz de prata para a nosa parroquia. De feito na parte baixa da mesma represéntanse os catro santos fundadores da Orde de San Bernardo ou monxes cistercienses, por ser a súa primeira fundación en Citaux (Francia): San Roberto, San Alberico, San Esteban Harding e San Bernardo, coñecido como San Bernardo de Claraval.
1772. Despois de aproximadamente un século, nunha visita pastoral do bispo D. Francisco Losada Quiroga, mándase aos veciños desta parroquia que compoñan a cruz de prata.
1778. O mandato anterior parece que non se cumpriu ata o presente ano de 1778, cando se nos di que foi arraxada a cruz: “Máis deu en data 310 reais que levou o prateiro por refacer e a prata que necesitou para a redeficación da cruz de prata da igrexa”.
1929. Novamente en 1929 foi recomposta e fixéronselle algúns engadidos, un barco da mesma e a cruz interior de madeira; o amaño fíxose en Lugo no taller de Xosé Refojo. A partida sinalada no último libro de Fábrica e como segue: “Idem 196,50 pesetas en arranxar a cruz parroquial que estaba despedazada e polos conceptos seguintes: por arranxo da devandita cruz parroquial de prata, por facerlle un brazo novo de prata e por facerlle unha cruz interior: 144 pesetas, aumento de prata para dita cruz, consistente en doce onzas, cincuenta e dúas pesetas con cincuenta céntimos, total as 196 pesetas con cincuenta céntimos segundo o recibo expedido polo que a arranxou Don Xosé Refojo de Lugo”.
1955. O bispo, Don Mariano Vega Mestre, na visita pastoral que fixo a esta parroquia o día 28 de abril, mandou: “Que se envíen a Mondoñedo para su restauración un cáliz de plata y la Cruz parroquial”. Parece ser que a cruz tiña caído e estaba moi deteriorada de novo. Foi mandada a Madrid de onde veu arranxada. Sen embargo, a Cruz non volveu á parroquia ata o ano 1999. Era unha reivindicación que facían os vellos ao bispo sempre que viña á parroquia.
2007. No ano 2007, fíxoselle unha nova restauración, xa que as efixies dos brazos estaban ao revés e tiña bastantes faltas nos bordes. A restauración foi feita pola Dirección Xeral de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellería de Innovación e Turismo da Xunta de Galicia.